Monday 06 de May de 2024

O PSOE pídelle ao Concello unha actuación integral para recuperar os roteiros do Río Mercurín e de San Paio de Buscás e Outeiro


 

Os socialistas lamentan que os sendeiros levan anos abandonados, cheos de maleza e coas sinais deterioradas ou desaparecidas

Os socialistas de Ordes pedirán ao Concello unha actuación integral de acondicionamento e conservación para recuperar os roteiros do Río Mercurín e de San Paio de Buscás e Outeiro, actualmente en estado de abandono. “Queremos recuperar unha zona de lecer e de turismo de natureza que pode servir tamén a axudar a recuperar unha parte da economía, pois a percorrer estes sendeiros viñan moitos veciños da contorna e mesmo excursións organizadas”, explica o voceiro municipal, Alejandro Manteiga, quen lamenta que “na actualidade, estes sendeiros levan anos abandonados e están intransitables, cheos de maleza e coas sinais deterioradas ou desaparecidas”.

Os socialistas lembran que estes dous roteiros de sendeirismos circulares, de 15 e 8,5 quilómetros, foron creados durante o mandato no que o PSOE de Ordes ocupou a Concellería de Medio Ambiente. “Dous sendeiros que estaban perfectamente acondicionados e sinalizados acorde ás normas da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada, polo que atraían a xente ao pobo”, apunta o voceiro municipal socialista.

Outras demandas

Unha petición que os socialistas de Ordes levarán á próxima sesión plenaria, xunto á petición da reparación dos aparcamentos do colexio Campomaior, “que foron acondicionados recentemente pero xa están cheos de fochancas e co firme mal, posto que nin se lles botou zahorra para acondicionalos correctamente”, explica Alejandro Manteiga.

Así mesmo, os socialistas faranse eco dunha demanda veciñal para instar ao Concello a tomar medidas efectivas para reducir a velocidade dos vehículos que circulan pola Rúa de Casavella. “Desde que se reformou esta rúa, os vehículos circulan a bastante velocidade e xa teñen provocado varios percances”, indica o voceiro municipal socialista, quen lembra que “na rúa hai unha gardería, polo que a situación é máis perigosa e deberíanse tomar medidas como, por exemplo, instalar un paso de peóns elevado”.

Finalmente, os socialistas pediranlle ao alcalde que instale un banco adicional a carón do muiño de Fernanducho, pois aló se reúnen moitas persoas maiores que non teñen onde sentar, e reclamaranlle unha explicación sobre a orixe duns cheiros continuados, moi fortes e desagradables dos que se queixou a veciñanza días atrás, así como que se tomen as medidas oportunas para que non se volvan producir.